Galaxia na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

Hoxe, 27 de xuño, dá comezo a Feira do Libro de Vigo e Galaxia non podía faltar a esta cita para os amantes da literatura. Serán moitas as actividades desenvolvidas pola Editorial ao longo destes días. Aquí volas presentamos!
A encargada de abrir os actos do día de hoxe será Arantza Portabales, coa presentación de Beleza vermella ás 19:00h. Ás 19:45h, presentamos os tres primeiros títulos da colección Feminismos: Chámame señora, pero trátame coma a un señor, de Inma López Silva, Feminicidio, de Carme Adán e ám@me de Chis Oliveira e Amada Traba. Xa ás 20:30h  Manuel Portas dará por finalizado o primeiro día de Feira coa presentación de Por puntos.
Mañá, 28 de xuño, levaremos a cabo varias actividades para os máis cativos como a presentación-concerto ás 18:00h de Canta, miña pedra, canta de Xoán Curiel e a presentación ás 19:15h de A casa do paralelo 54 de Iria Collazo. Ademais, teremos tamén ás 20:00h a sinatura de Diego Giráldez, autor de Hotel para coleccionistas discretos na case da libraría Mendinho.
Na fin de semana, o sábado 29 de xuño será Raquel Castro a encargada de asinar exemplares de A formiga fóra do carreiro na caseta da libraría Pedreira a partir das 13:00h.
O luns 1 de xullo comezamos unha nova semana co encontro con Domingo Villar ás 19:45h, que será entrevistado pola xornalista Ana G. Liste sobre a súa nova novela O último barco.
O martes 2 de xullo ás 18:00h os máis pequenos volverán ser os protagonistas coa presentación-concerto de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco; e ás 20:00h Antonio Seijas estará asinando exemplares de O soño da serpe na caseta de Librouro.
Xa na metade da semana, o mércores 3 de xullo, a partir das 20:00h, Iolanda Zúñiga estará asinando exemplares de Natura na caseta da libraría Cartabón, e o xoves 4 de xullo serán Ana Fontenla e Ana Cabaleiro as que asinarán exemplares dos seus últimos libros: Números vermellos e As ramonas respectivamente, ás 19:30h e ás 20:00h nas casetas da libraría Pedreira e Cartabón.
Xa para pór punto final ás actividades organizadas por Galaxia nesta Feira do Libro de Vigo, o venres 5 de xullo, a partir das 20:00h, María Xosé Porteiro estará asinando exemplares de Sándalo na caseta de Librouro.
Agardámosvos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email