O mércores 1 de agosto arranca na Coruña a Feira do Libro que, coma todos os anos, encherá de literatura os Xardíns de Méndez Núñez durante dez días. En Galaxia, ademais agardarvos na nosa caseta con todas as novidades e un fondo amplo cos libros favoritos de lectoras e lectores, tamén organizamos algunhas actividades.
E comezamos o mércores, ás 18:00h, cunha sinatura de Antía Yáñez, autora de Senlleiras, Premio Illa Nova de Narrativa 2018, e O misterio de Portomarín, unha das novelas para o público mozo máis exitosas do pasado 2017. Ás 19:45, continuamos con O segredo da vella libraría, a última entrega para os lectores miúdos de Xabier López López, que se presentará na carpta infantil da Feira da man de Xosé Tomás, ilustrador do volume, e Malores Villanueva, editora de Galaxia. E rematamos a xornada ás 20:30h coa presentación de The Making of, a nova novela de Xavier Alcalá que ofrece unha nova visión da diáspora galega na Arxentina. Acompañarán ao autor desta volta Xoaquín Lameiro, Xulio López Valcárcel, Xoán Antón Pérez Lema e Carlos Lema, director de edición de Galaxia.
O xoves, repetimos horario de sinatura na secreataría da Feira ás 18:00h, desta vez con Arantza Portabales e as mulleres do contestador en Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Ás 20:30h será tempo de poesía coa presentación da reedición de Baleas e baleas de Luisa Castro, que estará acompañada pola poeta Yolanda Castaño e o editor Ismael Ramos. E pechamos a xornada ás 21:15h cun percorrido histórico pola Vilagarcía do século XX e O xardineiro dos ingleses, a novela coa que Marcos Calveiro gañou o Premio García Barros 2017, e sobre a que estará falando e conversando cos lectores a historiadora e feminista Encarna Otero.
E o xoves 9 de agosto estará completamente dedicado aos máis novos, ás 18:00h música e contos con Charo Pita e No país do vento, o seu novo libro+cd en Sonárbore; e ás 19:00h é a quenda de Xosé Duncan e As lembranzas perdidas no lago Antelväri.
Vides?