Galaxia inaugura a Biblioteca Francisco Fernández Del Riego

Categoría: Nova

Galaxia inaugura a Biblioteca Francisco Fernández Del Riego para celebrar o Día das Letras Galegas
Coa inclusión de dous libros inéditos.
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2023 dedicado a Francisco Fernandez del Riego a editorial Galaxia, da que foi un dos seus fundadores, crea a Biblioteca Fernandez del Riego que ao longo do ano que vén acollera un feixe de publicacións do propio homenaxeado entre toda a súa inxente produción memorialista, de viaxes  e ensaística.
A Biblioteca inaugúrase co volume  Con Pondal en Bergantiños, que se presentará a próxima semana na Fundación Eduardo Pondal en O Couto, Ponteceso. Neste libro Fernández del Riego  fai un percorrido pola vida e obra de do “poeta solitario que canta o mar e a costa brava” de Bergantiños.
Nesta mesma biblioteca, xa para o ano que vén,  se publicarán dous inéditos do autor, Diario da guerra, con prólogo de Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea da USC,  textos nos que  Fernández del Riego conta en primeira persoa o seu devir como combatente durante a Guerra Civil. E tamén, Memoria do París literario,unha obra na que pasea coa súa exquisita pluma polos cafés parisienses e a literatura francesa, en edición  da profesora Malores Villanueva.
En xaneiro de 2023 saíra do prelo o libro, Lourenzá, obra na que Fernández  Del Riego homenaxea  e rende tributo a súa benquerida terra natal.
Ao anterior seguirán tres reedicións de tres libros fundamentais na súa produción.  Camiño andado,autobiografía, pero tamén crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, onde  asume a experiencia dos anos para percorrer, agora na memoria. O río do tempo, outro exercicio memorialista, unha volta á experiencia do pasado, sen renunciar ao porvir, que de seguro ha resultar proveitosa para as novas xeracións. E finalmente,  A xeración Galaxia, a narración da aventura cultural e política protagonizada por un feixe de homes que nos anos máis escuros do franquismo loitaron pola supervivencia da identidade de Galaxia.
A Biblioteca completarase con Loitando pola Galicia que non foi, edición  do historiador Justo Beramendi, e Fernandez del Riego e a Arte,a cargo da historiadora da arte Beatriz Liz de Cea.
Asemade, e xa fora desta biblioteca, a profesora Malores Villanueva, gran coñecedora da obra e vida do homenaxeado,  publicará a biografía máis completa e documentada na colección Letras galegas.
Con todas estas obras e con algunha outra máis, editorial Galaxia pretende celebrar e reivindicar a este loitador incansable que foi unha figura fundamental da nosa cultura, inspirador do Día das Letras que agora se lle dedican, cofundador da editorial Galaxia e da revista Grial, da fundación Penzol e presidente da Real Academia Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email