Galaxia co teatro infantil e xuvenil

Categoría: Nova

Nos últimos anos a Editorial Galaxia ten apostado forte pola publicación do teatro destinado ao máis novos. Deste xeito, nas coleccións Árbore e Costa Oeste apareceron títulos que van das novidades premiadas de Raquel Castro e Carlos Labraña ata os xa clásicos de Manuel Núñez Singala.
As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro (Salvaterra de Miño, 1971), irrompía nas librarías a inicios do 2016 despois de acadar o Premio de Honra nos premios Estornela de Teatro que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Nesta obra, atopamos un tratamento urxente de felicidade para amañar corazóns tristes da man de Ledicia, a doutora máis riseira do mundo.
De Carlos Labraña (Cedeira, 1969) son O apalpador e Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, ambos aparecidos na colección Ábore no 2016. En O apalpador, Labraña emprende unha viaxe teatral arredor dunha figura cada vez máis presente no noso Nadal, ateigándoa de risas, sorpresas e todo tipo de situacións disparatadas. Mentres que con Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, chega á cidade o maior espectáculo do mundo: o circo! Unha obra fundamental, que ademais acadou neste 2017 o Premio da Gala do Libro Galego na cateogoría de Teatro.
E por suposto, non hai que esquecer os clásicos de Manuel Núñez Singala (Lugo, 1963): O achado do castro e Comedia bífida.
O achado do castro é, posiblemente, o texto teatral destinado ao público xuvenil de máis éxito na historia recente da nosa literatura. Aparecido en 1990, e recentemente reeditado por Galaxia no 2015 na colección Costa Oeste, este título camiño do 30 aniversario lévanos á Roma antiga, mais faino xogando coa lingua obrigando a que os personaxes falen coma nós, con termos de hoxe en día, contruindo un novo “latín” algo especial no que se mesturan intriga, humor e unha historia de amor inesquecible.
Máis recente é a aparición de Comedia bífida (2014), onde as galegofalantes (e as aínda non tan galegofalantes) participan dun curioso xuízo final onde o importante é o emprego que os galegos fixemos da nosa lingua, porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre ela a diario non as entende nin San Pedro.
Benvida sexa esta imparable avalancha teatral ao catalogo de Galaxia para os máis novos! E que comece a función!

Comparte nas túas redes sociais ou por email