Galaxia celebra o Día de Galicia

Categoría: Nova

Hoxe, 25 de xullo, celébrase o Día de Galicia, creado coa intención de adicar cada ano unha xornada de significación á exaltación e reivindicación da identidade galega. Durante dúas semanas a nosa capital, Santiago de Compostela, enche as súas rúas de música, danza e festa. Unha quincena en que a cultura percorre ata o espazo máis pequeno da cidade e chega a cada un dos seus habitantes, así como aos milleiros de persoas que acoden para formar parte desta festividade.
Na Editorial Galaxia contamos ademais cunha dobre celebración, posto que o día de hoxe cumprimos 69 anos de implicación e compromiso coa lingua galega. Dende o ano 1950 Galaxia participa en numerosas actividades nas que deixa claro á súa vinculación coa cultura galega e amosa o seu apoio a autoras e autores que escriben na nosa lingua, ademais de implicarse na súa difusión. Algo que se plasma anualmente en campañas de promoción da lectura destinadas tanto a persoas adultas como aos máis pequenos, como por exemplo, o Reto Lector, unha actividade de referencia dirixida a rapaces de entre 12 e 16 anos, ou a campaña realizada en colaboración co Concello de Vigo e Vitrasa arredor de Adiós María de Xohana Torres, na que se repartiron exemplares desta obra nos autobuses da cidade de xeito gratuito.
Dende Galaxia queremos resaltar hoxe unha vez máis a nosa constante implicación en cada pequeno acto que supoña un paso máis de cara ao fomento da lingua galega así como á lectura na nosa lingua. Un paso máis que a Editorial seguirá dando cada ano e que, agardamos, chegue cada vez a máis persoas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email