A Fundación Penzol recibe o Premio da Cultura Galega 2020

Categoría: Evento

Foi galardoada na categoría de Patrimonio Cultural. Un recoñecemento que pon en valor a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construcción cultural de Galicia.
Onte, celebrouse unha gala no Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, na que Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol, proclamou a necesidade de continuar traballando para divulgar o patrimonio porque «ninguén ama o que non coñece» e con iso «estase a construír país».
A Fundación Penzol é unha entidade cultural creada en 1963 da man de Fermín Penzol, cando decide donar a súa valiosa biblioteca especializada na temática galega de acceso público para a investigación. Un proxecto vivo, que foi enriquecéndose con numerosas e moi variadas aportacións. Trátase dun centro de consulta imprescindible para as investigadoras e investigadores da realidade histórica e actual galega.
Atopámonos ante unha iniciativa de valor cultural incalculable que contribúe á promoción e difusión do patrimonio cultural galego desde unha biblioteca composta por miles de títulos, manuscritos e pergamiños. O fondo abrangue máis de 47.000 títulos de monografías impresas desde o século XV, uns 3.800 títulos de publicacións periódicas ou 106 títulos de libros manuscritos do século XVII ao XIX.
No día de onte, recibiu un merecido galardón que pon en valor a excelencia creativa e o labor de difusión cultural desenvolvido, con tanto esforzo e talento, desde este proxecto único.

Comparte nas túas redes sociais ou por email