Onte soubemos da boísima nova de que Estrelas da despensa galega, o libro de Carina Regueiro sobre os mellores produtos da nosa terra, acadaba o segundo premio do XXV Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”. O premio dotado con mil euros, recaeu en Estrelas da despensa galega e 67 receitas con historia e sabor, publicado a finais do 2017 por render homenaxe aos mellores produtos de Galicia a través do relato da súa historia, orixe, mais tamén do discurso das persoas que día a día a traballan para que cheguen ás nosas mesas coa mello calidade.
O volume de Carina Regueiro parte da premisa de que os produtos e a cociña de Galicia son unha parte moi importante da nosa expresión cultural. A paisaxe, as xentes e a comida resultan inseparables e protagonizan este apetitoso libro, que fala de sabores de verdade. Sabores cheos de historias, de de anécdotas e de sorpresas, que conforman cada un dos capítulos do libro e que vai acompañado das grandes receitas de sempre para facelas hoxe.
O xurad do XXV Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, organizado polo Concello de Lalín dentro das actividades da Feira do Cocido, estivo composto polos decanos das facultades de comunicación de Galicia: Xosé Ramón Pousa (USC), Luís Hernández (UDC) e Xosé Baamonde (UVigo); polo vicedecano do Colexio de Xornalistas de Galicia e director da revista Luzes, Xosé Manuel Pereiro; a xornalista da revista culinaria La Alalcena Roja, Martina Vicente; e o director de Galicia confidencial, Xurxo Salgado.