Francisco Castro
Naceu en Vigo en 1966. É o director xeral da Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías e de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que introduce a ou o lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam, publicado por Editorial Galaxia.
En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano saíu á luz O ceo dos afogados, que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e a Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García “Borobó” polo seu artigo titulado Borobó despedido. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de Chamádeme Simbad (2009), que obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento e está na lista de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY, polas súas siglas en inglés), e O segredo de Marco Polo (2010). En 2013 gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra O corazón da Branca de Neve e, en 2014, publicou a novela xuvenil Tes ata as 10, obra que recibiría o Premio Frei Martín Sarmiento en 2016.
En 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.
Foto do autor: © Judit Cendón