Efemérides para o ano 2013

Categoría: Nova

O ano que iniciamos está cheo de memorias para esta casa, algunas comúns á cultura galega, e mesmo á cultura universal, coma os 150 anos da primeira edición de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro (Vigo, 1863), libro que inaugura a historia do Rexurdimento das letras galegas no século XIX e, en gran medida, a historia da literatura contemporánea na nosa lingua. Outras conemmoracións, máis específicas de nós, aínda que tamén de significativa influencia na crónica da cultura galega. Velaquí algunas referencias ás que de por forza teremos que volver ao longo dos próximos meses.
No ano 2013 cúmprense cincuenta anos da primeira convocatoria do Día das Letras Galegas, iniciativa da Real Academia Galega que promoveron homes da editorial Galaxia: Manuel Gomez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.
No ano 2013 cúmprense cincuenta anos de publicación períódica da revista GRIAL, iniciativa que fora censurada en 1951 pola ditadura franquista e que, a partir des 1963, inicia a súa andaina da man de Francisco Fernández del Riego e Ramon Piñeiro, os seus primeiros directores
No ano 1963 créase en Vigo a Fundación Penzol a partir dos fondos bibliográficos e documentais de Fermín Penzol Labandeira (1901-1981), sen dúbida o gran centro privado de documentación para a historia da cultura galega e o galeguismo, que durante anos dirixiu Fernández del Riego e actualmente dirixe Francisco Domínguez.
A maiores, cúmprense tamén cincuenta anos da creación do Laboratorio de Formas de Galicia, a volta dos primeiros exiliados de América, que lanzan o proxecto Sargadelos: as cerámicas do Castro, o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, inspirados por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Memoria para a reflexión e a conmemoración, marcos de referencia para a historia contemporánea da nosa lingua e a nosa cultura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email