Editorial Galaxia trae ao galego a poesía de Kirmen Uribe con “17 segundos”

Categoría: Nova

O libro, tradución directa do éuscaro por parte do poeta Isaac Xubín, xa se pode atopar en librarías.
A poesía de Kirmen Uribe é publicada en galego por primeira vez da man da Editorial Galaxia: o poemario 17 segundos, traducido do éuscaro polo tamén poeta Isaac Xubín e incluído na colección Dombate, compila poemas escritos entre 2002 e 2019. Dezasete anos que supoñen hoxe unha retrospectiva pero tamén recoller a mirada atenta de quen observa con atención e para no tempo o que nos rodea, o que está a piques de desaparecer. Como ocorre en dezasete segundos – a media de tempo que un visitante para diante dun cuadro -, vemos a través dos ollos de Uribe nos seus poemas.
Premio da Crítica na categoría de poesía 2002 por Bitartean heldu eskutik, Premio Nacional de narrativa en 2009 por Bilbao-New York-Bilbaoou Premio Rosalía de Castro 2014 do Pen Club de Galicia e traducido a máis de vinte idiomas, Uribe chega agora ás librarías no noso idioma para que gocemos da súa poesía, que el define coma o que está máis alá das “liñas impresas nos libros, que non son outra cousa que os ferros da gaiola: a poesía aparece ao fondo, a fermosa besta que permanece máis alá”.
A tradución directa do éuscaro é obra de Isaac Xubín, narrador, poeta, tradutor, profesor e investigador que xa trouxera ao galego Sete poemas vascos e Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, polas que gañou os premios Lois Tobío (2013) e Etxepare (2015) respectivamente. En Editorial Galaxia ten publicados o poemario Xenealoxía dun intruso ou Os largos e longos campos de liño azul.

Comparte nas túas redes sociais ou por email