A Editorial Galaxia suma dous títulos novos á colección Feminismos

Categoría: Nova

A Galiza feminista, de Miriam Couceiro Castro, e Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Primeiras científicas na Universidade de Santiago, de Xoana Pintos, son as novidades que chegan á nosa colección Feminismos.
Unha colección que aposta por axudar a visibilizar a causa das mulleres en Galicia, unha loita da que Galaxia séntese cómplice. O feminismo alterou, gradualmente, as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade, tratando de liberar á poboación das imposicións patriarcais. Un camiño longo, no que aínda queda moito por facer.
Unindo forzas nesta contenda, Miriam Couceiro Castro achéganos en A Galiza feminista, un minucioso relato arredor do movemento feminista na Galiza. Un feminismo que, en palabras da autora, “non pode ser abstracto nin de elites, ten que ser un feminismo de clase social, que non quede na fachada e que reflicta a maioría social feminina”. Este libro amosa a evolución do pensamento, dende os inicios ata a actualidade. Unha obra imprescindible para entender o camiño da igualdade, hoxe en día.
Unha igualdade de dereitos que veñen loitando, dende moi atrás, as nosas pioneiras. O resultado dos seus esforzos é a nosa realidade actual. Sería impensable cuestionar o dereito das mulleres á educación, a ter unha carreira universitaria… pero o certo é que non sempre foi así. Houbo que loitar moito contra a discriminación xa que, polo simple feito de nacer muller, a vida xa estaba limitada e dirixida a moi poucas opcións posibles. Xoana Pintos, recorre, en Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros, ese camiño que amosa a entrada das mulleres na universidade, un feito que cambiou a vida de todas as que viñeron detrás.
A autora céntrase no eido das mulleres científicas, no seu traballo cheo de dificultades, e, porén, de éxitos innegables, froito da súa valentía férrea.
Seguimos loitando, xuntas, cara a un mundo no que todas e todos poidamos ser a persoa que queiramos ser.

Comparte nas túas redes sociais ou por email