A Editorial Galaxia publicará en marzo un libro inédito de Xela Arias

Categoría: Destacado, Nova

Non te amola! é o título que ilustra Luz Beloso e que se mantiña inédito ata hoxe
No vindeiro mes de marzo, a Editorial Galaxia publicará o libro inédito de Xela Arias, Non te amola! ilustrado por Luz Beloso dentro da súa colección Libros para Compartir. A publicación supón achegar ás lectoras e lectores de Galicia o único libro de narrativa escrito por Xela Arias e que permanecía inédito ata agora.
En Non te amola! imos atopar unha Xela Arias sorprendente, cunha forza narrativa sobrecolledora. Estamos diante dun conxunto de historias unidas por un fío sutil que nos agasalla unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara os nosos días. A maxia artística de Luz Beloso, que nos debuxa unha Xela nena, axudan a entender como foi esa infancia de Xela Arias e os marabillosos acontecementos que, dende a súa ollada infantil, suceden e ela nos conta. Un texto que van gozar os máis pequenos da casa pero tamén todos os que queiran achegarse á descoberta dunha Arias que se centrou na poesía pero que tamén, como di no arranque do libro, quería escribir para a xente miúda para contarlles historias de como foi un tempo, o seu, dende o convencemento de que as grandes aventuras se viven en calquera época.
Coma na súa poesía, estamos diante dunha narración dunha sensibilidade magnífica.
As primeiras letras do libro son xa unha declaración de intencións:
Agora na primavera fixen nove anos. Son moitos para non procurar nada de proveito na vida, así que vou escribir un libro.
Non te amola!, pois, está chamado a ser o acontecemento literario deste 2021 no que se lle dedica o Día das Letras Galegas a Xela Arias, coñecida como poeta pero non como narradora.
A Editorial Galaxia publica o libro nunha das súas coleccións máis emblemáticas, en tapa dura, formato grande e a cor, nunha edición á altura do acontemcento que é a publicación dun inédito da escritora de Sarria.
O libro estará nas librarías de todo o país no vindeiro mes de marzo.
Fotografía de Xulio Gil.

Comparte nas túas redes sociais ou por email