Editorial Galaxia estará dende hoxe na Feira do Libro de Vigo 2021

Categoría: Nova

Os autores Arantza Portabales, Santi Domínguez e Rexina Vegaasinarán os seus últimos lanzamentos

Hoxe comeza a Feira do Libro de Vigo, que terá lugar ata o 10 de xullo, e a Editorial Galaxia non podía perder esta cita tan especial coas lectoras e lectores da cidade. Nesta ocasión, a Feira situarase na rúa de Príncipe e Porta do Sol e acollerá varias actividades, entre as cales destacan as sinaturas, nas que varias autoras de Galaxia dedicarán as súas últimas obras publicadas.

Arantza Portabales inaugurará esta tarde os actos nos que participará a editorial nesta edición: ás 20 h estará asinando o seu último libro A vida secreta de Úrsula Bas, unha historia de ritmo e acción trepidantes, paixón e violencia que arranca coa desaparición dunha escritora de sona. O título supón a volta dos inspectores Santi Abad e Ana Barroso tralo suceso obtido con Beleza vermella.  

Santi Domínguez recollerá a testemuña mañá, venres, ás 20 h, asinando Diario dun mestre na pandemia, un libro que reflexiona e presenta interrogantes sobre o sentido do oficio de profesor e o mundo do ensino, que tantas transformacións sufriu ao longo do último ano e medio a raíz da COVID-19.

Por último, Rexina Vega estará na Feira o sábado 10 de xullo ás 18 h co seu libro O estado intermedio, a novela debut da escritora na editorial. De gran forza narrativa, a historia céntrase na figura dunha filla que, morto o pai, decide entrar na casa familiar para facer desaparecer toda memoria.

Comparte nas túas redes sociais ou por email