Neste 2020 a Editorial Galaxia cumpre 70 anos

Categoría: Nova

Co gallo do seu 70 aniversario
A EDITORIAL GALAXIA PRESENTA UN NOVO LOGOTIPO PARA O ANO 2020
Este ano 2020 a Editorial Galaxia cumpre 70 anos. Fundada en 1950 leva sete décadas de servizo ao país. Co gallo deste aniversario, todas as publicacións que vexan a luz durante 2020 farano cun novo logomarca que, lembrando o histórico deseñado por Xaime Isla Couto, un dos fundadores da Editorial, se renova incluíndo, ademáis, unha referencia ao outro grande aniversario que tanto a editora como o conxunto da sociedade galega van celebrar este ano como é o centenario da Xeración Nós. Por iso, o logotipo incorpora a frase “70 anos con Nós” usando a tipografía histórica que Castelao deseñou para a mítica revista Nós.
A Editorial Galaxia ten previstos para este ano unha morea de actos para conmemorar as sete décadas ininterrumpidas de edición en galego, dende o 25 de xullo de 1950, cando nos baixos do Hotel Compostela se celebraba a Asamblea Fundacional da editora. Setenta anos despois, o catálogo da editorial segue medrando e ollando ao futuro coa mesma determinación que tiñan aquel grupo de homes e mulleres aquel día de hai sete décadas. Os actos de celebración, así como as edicións especiais para conmemorar a efemérede, serán anunciados próximamente pola editorial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email