Conmemoramos a Xela Arias, a poeta ceibe, no Día das Letras 2021

Categoría: Nova

É a quinta muller elixida dende que en 1963 se instaurou o Día das Letras Galegas e un referente en canto a liberdade. Este 17 de maio celebramos a figura de Xela Arias, unha poeta – tamén editora, tradutora e mestra de galego, a súa grande vocación nos últimos anos – que soubo buscar un camiño e voz propios, lonxe de toda convención.
Nada en Sarria, pasou a maior parte da súa vida en Vigo, cidade que tinxiu dun ton urbán a súa escrita. Moi cedo comezou a editar e traducir libros – foi responsable de levar ao galego a Bram Stoker, Roald Dahl ou Gianni Rodari – e a escribir en revistas e xornais coma A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia, Faro de Vigo, Karel ou Katarsis. En 1986 publicou o primeiro poemario, que xa apuntaba maneiras innovadoras: Denuncia do equilibrio, co que foi xa finalista do Premio Losada Diéguez. Sempre foi revolucionaria en forma e fondo: na afirmación do corpo e desexo feminino en Tigres coma cabalos (1990), na reflexión sobre a experiencia propia como nai, fóra do tradicional, en Darío a diario (1996), ouna aposta por novos espazos para a poesía mediante o diálogo coa fotografía, música ou pintura.
A súa lírica, que culminou no magnífico Intempériome (2003), sempre rompeu esquemas. Vangardista, poderíamos chamala: foi precursora do boom literario feminino na poesía dos 90, anticipando pasos cara á modernidade. E, máis alá disto, a súa voz escoitábase alta e clara – nalgún dos recitais poético-musicais ou exposicións que frecuentaba – para facer contestación social e política contra acontecementos como a entrada de España na OTAN, o verquido do Prestige ou a guerra de Iraq.
A súa era unha poesía independente, sinceira, persoal, experimental e ata rebelde: facendo honra á importancia que tiña a música na súa vida, chegou a proclamar “máis rock and roll e menos poesía”. É hoxe un referente de liberdade creativa. Por todo isto queremos recordala e celebrala nestas Letras Galegas 2021.
Para indagar máis na súa vida e obra, Editorial Galaxia ten publicados Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias, de Montse Pena Presas e Non te amola!, a primeira e inédita achega á narrativa de Arias a través das historias da súa infancia, ilustrado por Luz Beloso.

Comparte nas túas redes sociais ou por email