Comeza o ano María Victoria Moreno!

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia comeza o ano María Victoria Moreno por todo o alto lanzando tres producións teatrais para todos os públicos. Dende o clásico infantil Leonardo e os fontaneiros, nunha adaptación a cargo de Ubú Teatro, que xa percorreran o pasado ano boa parte das localidade galegas coa súa versión de A galiña azul de Carlos Casares; ata a reformulación escénica de Limiar Teatro arredor de Anagnórise, obra máis coñecida da autora e que leva vendidos miles de exemplares no noso país.
Tamén da man de Limiar Teatro levarase á escena a vida da escritora extremeña que un día decidiu falar e escribir en galego, e Galaxia publicará a finais deste mes de xaneiro A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida unha biografía da profesora e crítica Montse Pena Presas. Outra novidade editorial, en colaboración co Consorcio de Santiago, será a publicación de É a lúa que baila… un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas galegos de Federico García Lorca, quen coma ela escolleu a nosa lingua como canle creativa nun momento determinado. A recuperación deste estudo irá compañada dun limiar do profesor, académico e expresidente da RAG Xesús Alonso Montero.
A toda esta actividade para o 2018 haille que sumar tamén as campañas para os centros educativos de toda Galicia e a reedición de todas as obras da que fora codirectora e fundadora da colección infantil Árbore no catálogo de Galaxia, unha recuperación que se iniciou xa no 2017 con títulos como A festa no faiado (1983), Leonardo e os fontaneiros (1986), Anagnórise (1988), ¿E haberá tirón de orellas? (1997), Guedellas de seda e liño (1999) e Onde o aire non era brisa, publicada orixinalmente en castelán en 1969 e traducida ao galego no 2009

Comparte nas túas redes sociais ou por email