Comeza o ano Carlos Casares, un escritor para un país

Categoría: Nova

Carlos Casares estará unido por sempre á Editorial Galaxia, porque neste selo escribiu practicamente toda a súa obra e co tempo converteuse no seu editor e no primeiro director xeral da editora. Este ano que acaba de comezar estará cheo de homenaxes, pero ningunha como a de ler os seus libros. Sen dúbida, Carlos Casares foi un dos máis grandes narradores galegos da segunda metade do século XX, tamén un gran narrador oral como lembran os seus amigos. Dende os anos 60 cando se insuflou das técnicas renovadoras de autores como Joyce, Kafka, Proust ou Pavese ata unha segunda etapa simplificadora de técnicas experimentais e movido polo desexo de gañar lectores e lectoras.
Aqueles primeiros contos de Vento ferido (1967), a novela Cambio en tres (1969) onde xoga co experimentalismo, Xoguetes para un tempo prohibido (1975) outro texto experimental con técnicas renovadoras que se reflicten no emprego da segunda persoa autorreflexiva, na temporalización analéptica e nos xogos de estilo por alongamento da frase nunha sintaxe compexa. Un relato de aprendizaxe, unha novela xeracional coa que obtivo o Premio da Crítica concedido pola Asociación Española de Críticos Literarios. Esta primeira etapa péchase cun libro de contros, Os escuros soños de Clío (1979), onde non hai experimentos técnicos, senón un continuo xogo coa historia e a ficción, coa realidade e a fantasía.
As catro últimas novelas corresponden a unha segunda etapa na que Casares quixo conectar co público e buscar un estilo sinxelo, que non simple, por esta razón opta tamén polo realismo. Ilustrísima (1980) responde ben a este propósito, unha historia chea de ironía e humor. Os mortos daquel verán (1987), unha novela que trata a confrontación violenta entres os poderes fácticos e o progreso e onde a violencia segue a estar moi presente. A súa construción vén do filme de Orson Welles Citizen Kane (1941). Deus sentado nun sillón azul (1996) é unha das máis importantes novelas de Casares, na que tamén parte dun filme Rear Window (1954) de Hitchcock. A súa produción literaria remata con O sol do verán (2002) a novela, segundo o críticos, de maior riqueza simbólica de Casares, así en palabras de Ángel Basanta nesta novela “culmina a intensidade do lirismo acadado pola coidadosa elaboración poética en imaxes que son exemplo da mellor literatura feita cos vimbios da natureza que lle é propia”.
E está o Casares que escribía no xornal, que chegaba a un público fidelizado que gozaba con aquelas pequenas pílulas de vida, o Casares de Á marxe e aínda o Casares bibliógrafo, estudoso, crítico. O Casares escritor de literatura infantil, do que tamén vos contaremos cousas. Comeza o ano Casares….

Comparte nas túas redes sociais ou por email