Cen anos con Fernández del Riego

Categoría: Opinión

Conmemoramos esta ano o cincuenta aniversario da primeira edición do Día das Letras Galegas, iniciativa feliz da Real Academia Galega que dende entón dedica o 17 de maio a unha figura sobranceira das nosas letras. A idea xurdiu de tres persoas, membros da devandita institución, relacionados coa Editorial Galaxia: Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego. Os tres aparecen na fotografía dos fundadores da editora no Hotel Compostela o 25 de xullo de 1950.

Tamén lembramos este ano Cen Anos con don Paco: Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). Aínda hai pouco que estaba entre nós. Era un dos que promoveron a iniciativa da RAG, da que foi presidente durante algún tempo (1997-2001) e un dos seus grandes renovadores.

Xunto con Xaime Isla Couto, Fernández del Riego foi o promotor desta casa e un dos seus máis activos motores. Un auténtico pulmón. Incansable. Ademais dunha ampla obra literaria, crítica e de divulgación, a súa condición de editor marcou o catalogo da editora durante anos, xunto con Ramón Piñeiro (primeiro director literario). Os dous dirixiron durante anos a revista GRIAL, dende 1963 a 1988. Xerenciou a empresa e xestinou tamén durante anos as nosas Artes Gráficas. Foi director da Biblioteca Penzol dende a creación da mesma en 1963, ata poucos meses antes do seu falecemento en decembro de 2010. Ensaista, novelista (“O cego de Pumardedón, 1992), viaxeiro, crítico literario, editor de clásicos e de escolmas que hoxe son referencia, historiador da nosa literatura, divulgador, xornalista, memorialista, académico, activista político en distintas épocas… Encetamos o ano 2013 cunha lembranza especial á súa persoa e á súa obra, pois cúmprense estes días cen anos do seu nacemento. Cen anos con Paco del Riego. Cen anos pensando, soñando, traballando pola dignidade e a modernidade da nosa lingua e da nosa cultura. Debémoslle tantas cousas…

Igual que fixemos durante o ano 2012 coa memoria de Carlos Casares, abrimos nestas páxinas un novo Blog específicamente dedicado nesta ocasión a don Paco, no que iremos recollendo e debullando achegas e referencias á súa persoa e á significación do seu legado. Invitamos a todos os nosos seareiros a unirse a esta celebración.

Comparte nas túas redes sociais ou por email