Acabamos de saber que Berta Dávila vén de gañar o Premio da Crítica 2019 con Carrusel. Unha noticia fantástica e un galardón máis que se suma ao libro gañador do Premio García Barros 2019.

Podedes acceder a toda a información premendo aquí.

Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro(2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido para o castelán e o xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013. Tamén foi nomeada pola AGE autora do ano en 2014.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR