Baldo Ramos e Eva Veiga gañan o Premio Losada Diéguez por “Quérote canto”

Categoría: Nova

Reciben o premio na modalidade de Creación Literaria.
Quérote canto, o poemario conxunto de Baldo Ramos e Eva Veiga, foi galardoado, por unanimidade, co Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición e na modalidade de Creación Literaria.
A xuntanza do xurado para emitir o fallo, celebrouse no Concello de Carballiño. Un galardón que contou cunha alta participación de obras de altísima calidade, ás que se impuxo Quérote canto.
O xurado destacou a singularidade escollida polos autores na metodoloxía que se traduce nunha resonancia creativa. Unha obra singular, que nace da unión de dúas das grandes voces da poesía galega, fundidas nesta alfaia das letras.
Baldo Ramos e Eva Veiga deciden internarse uns días no mosteiro de Oseira, mais sen compartir durante a estadía o que pensan nin o que escriben. As súas voces, xuntas, transitan camiños distintos, nunha estancia común, que plasman nesta creación. Un resultado que consegue conmover ás lectoras e lectores, cunha execución maxistral.
Un texto que demostra que a poesía é sempre o camiño.
Baldo Ramos (Celanova, 1971) cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Ten publicado, entre outros, os libros: Palimpsesto (2009) e Cartografía do exilio (2014). Recibiu numerosos premios, entre outros, o Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, Fiz Vergara Vilariño, e foi accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, 1961) é autora, entre outros, dos libros de poesía: A luz e as súas cicatrices(2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio Poesía AELG), Soño e vértice (2016, Premio Poesía Concello de Carral e Premio da Crítica Española) e Silencio percutido(2016, Premio de Poesía Cidade de Ourense).

Comparte nas túas redes sociais ou por email