Miro Villar (Cee, 1965). Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada coa tese "A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo". Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador e crítico literario. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte.
No eido do ensaio é autor de varias edicións críticas, como a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente (1995), Unha lectura de O soño sulagado (1998), Roberto Blanco Torres. Orballo da medianoite (1998), A poesía galega de Xervasio Paz Lestón (1998), Indo para máis perto. A señardade no puño de Alexandre Cribeiro (2004), A roseira da soidade de Antón Zapata García (2005), Poesía galega completa e textos en prosa de Emilio Álvarez Blázquez (2005) ou Ser auga, darse en auga. Antoloxía poética de Bernardino Graña (2010).
En poesía ten publicado Ausencias pretéritas (1992); 42 décimas de febre (1994); Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998); Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999); Gameleiros (2002) e As crebas (2011, premio Concello de Carral).
En literatura infantil e xuvenil publicou a serie Carlota, a marmota (2000), Carlota e a bota perdida (2003); Carlota e a gaivota patiamarela (2006) e O nariz de Fiz (2009). A cobiza do verme Noel é o primeiro libro que publica en Galaxia.