David Pintor (A Coruña, 1975) e Carlos López (Boimorto, 1967) levan traballando como humoristas gráficos en diferentes xornais galegos dende o ano 1993. Hoxe son xa a principal referencia da caricatura política en Galicia. No ano 2001 comezan a súa exitosa incursión na literatura infantil, e despois de máis de 20 libros, convertéronse nuns dos autores máis premiados de Galicia. Así o confirman os numerosos recoñecementos que obtiveron: o premio Merlín, o premio Raíña Lupa, a selección na Feira internacional de Boloña, a selección na Bienal internacional de Bratislava, o premio Pura e Dora Vázquez, o premio Frei Martín Sarmiento, nominados varias veces nos premios da AGE, e a selección na mostra internacional Sueños en papel en México.