George MacDonald (1824-1903) foi un escritor nacido en Escocia. Era fillo duns labregos moi modestos, pero conseguiu estudiar na Universidade de Aberdeen e facerse pastor protestante. Durante varios anos traballou como predicador e profesor particular ata que en 1859 se estableceu en Londres, cidade na que recibiu a axuda dun grupo de amigos entre os que se atopaba Lewis Carroll, o autor de Alicia no País das Marabillas. Xa convertido en profesor de literatura na Universidade de Londres, MacDonald dedicou os seus esforzos literarios a revivir as vellas tradicións dos contos de fadas, escribindo historias como A princesa lixeira, O corazón do xigante ou A chave de ouro, polas que se fixo merecedor dun lugar estelar entre os autores británicos de contos.