(Sorochintsi, actual Ucraína, 1809 – Moscova, 1852). Escritor ucraíno en lingua rusa, autor de teatro, relatos e novelas. Modesto burócrata tsarista e profesor de universidade, a publicación da súa comedia satírica O inspector (1836), unha feroz crítica da corrupta burocracia imperial, obrigouno a deixar o seu país e vagar por varias capitais europeas, onde escribiu as súas obras máis famosas. Está considerado o pai da moderna novela rusa, e da súa produción literaria destacan O diario dun tolo (1834), Tarás Bulba (1835), O capote (1842) e O nariz (1836), que serviu de base para a ópera homónima de Dmitri Shostakóvich.