Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008). A pesar de que nacese en Oviedo, o seu corazón era galego desde que no ano 1965 chega a Compostela. En Galicia desenvolveu un intenso labor de estudo e investigación arredor da lingua galega desde diversas frontes: na universidade como Catedrático de Románicas e como decano da Facultade de Filoloxía, no seu traballo na Real Academia, da que foi secretario, como director do Centro Ramón Piñeiro e, incluso, destacou como divulgador codirixindo, con Rosa Castro, o programa da Televisión de Galicia, Cousas da Lingua.
Hai un fito importante que destaca no seu brillante curriculum: a súa participación na fundación, no ano 1971, do Instituto da Lingua Galega. Daquela, non é esaxerado dicir que todo o traballo que a día de hoxe se fai desde distintos sectores da cultura arredor da lingua e da normalización e dignificación da nosa lingua non se terían dado sen o seu concurso. No catálogo da Editorial Galaxia queda o seu traballo de dirección, na compaña de Manuel González González, do Diccionario da Real Academia Galega, que viu a luz no ano 2000, nunha coedición froito da colaboración entre a Academia, Galaxia e Xerais.