Caryl Churchill é unha das autoras británicas con maior recoñecemento e proxección na escena internacional. Coñecida polas súas posicións feministas e socialistas, publicou máis de cincuenta textos de notable calidade e moi diversa feitura cos que contribuíu de forma notable á renovación da escrita dramática e á procura de direccións alleas á deriva realista tan presente na dramaturxia británica.
As súas pezas foron estreadas no Royal Court Theatre mais tamén por compañías alternativas como Monstrous Regiment ou The Joint Stock Company. Un dos seus textos máis recentes foi Seven Jewish Children. A Play about Gaza, onde deixa constancia do seu compromiso coa paz e coa convivencia.