Arantza Portabales recibe o Premio de novela europea

Categoría: Nova

A escritora Arantza Portabales recibiu onte no Casino de Santiago de Compostela o Premio novela europea traducida a outra lingua, na modalidade de lingua galega, polo seu libro Deixe a súa mensaxe despois do sinal, (Editorial Galaxia, 2017). Un prestixioso recoñecemento á traxectoria da autora.

Portabales preséntanos a catro mulleres que loitan por saír adiante, contando os seus problemas ante un contestador automático. Marina, Carmela, Sara e Viviana, as nosas protagonistas, comparten as súas historia a través das mensaxes que deixan no aparello, tecendo así unha única trama. Historias que imos construíndo a medida que escoitamos as gravacións no trebello. Historias narradas en capítulos curtos, que non deixarán indiferente a ninguén.
Esta é unha novela orixinalísima que conecta co público a través desas escenas cotiás que podemos compartir todas e todos. As nosas protagonistas representan a muller de hoxe en catro voces distintas. Traducida ao español, italiano e hebreo, é unha obra imprescindible.

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Na Editorial Galaxia, publicou títulos moi aclamados coma Sobrevivindo (Galaxia 2015), obra que resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia. A arrasadora Beleza vermella, (Galaxia, 2019) publicouse conxuntamente coa tradución da mesma ao castelán, sendo publicada tamén en Italia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email