Antón Riveiro Coello gaña o Premio San Clemente por “Hotel Carioca”

Categoría: Nova

O xurado do premio San Clemente, formado por alumnado de Bacharelato, reuniuse este mércores no IES Rosalía de Santiago, facendo a obra de Antón Riveiro Coello, Hotel Carioca, gañadora na categoría galega.

Consideraron a publicación do autor de Xinzo de Limia, unha «obra redonda, moi ben construída e escrita que merece a pena ler». O xurado engade que xera «unha intriga constante, con moitos xiros, que logra que os lectores e lectoras manteñan unha atención continua».

Hotel Carioca é unha novela múltiple que, coma unha matrioska, contén outras novelas que van dende unha de formación a outra psicolóxica, pasando mesmo por unha policial. Cun estilo lírico, áxil e envolvente, Antón Riveiro aborda temas como a homosexualidade e a súa aceptación, os coidados, a eutanasia, a emigración, a amizade, a descuberta da sexualidade e, sobre todo, o fantástico e intuitivo mundo da creación artística.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964). É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005); A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento; Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017); e O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 (Galaxia, 2020).

Comparte nas túas redes sociais ou por email