Antón Riveiro Coello gaña o Premio Álvaro Cunqueiro

Categoría: Nova

Reunido o xurado do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, hoxe, nas dependencias da Biblioteca Pública de Mondoñedo, constituído por Armando Requeixo, en calidade de Coordinador, Patricia Arias Chachero, Malores Villanueva, Marcos Calveiro e Carlos Loureiro, como vogais, e Abel Vigo actuando como secretario.

Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título Hotel Carioca. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Antón Riveiro Coello.

O xurado destaca en Hotel Carioca a construción literaria do texto que alterna, con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva.

Novela plural, fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.

Dotada dunha escrita tremendamente áxil, Hotel Carioca atrapa desde as primeiras páxinas, acompañando ao lector na súa descuberta duns labirintos familiares cheos de silencios, fracasos e derrotas ata un final sorprendente e impactante ante o cal ningúen pode ficar indiferente.

O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Editorial Galaxia, convoca este certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964). É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005); A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento; Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017); e O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 (Galaxia, 2020). Días de intermperie, é a súa derradeira obra publicada (Editorial Galaxia, 2022).

Comparte nas túas redes sociais ou por email