Esta tarde na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria.
O pasado ano Editorial Galaxia creou o Premio Illa Nova para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación entre os máis novos cando se cumprían 60 anos dende que botase a andar a xa mítica colección Illa Nova. Era 1957 e a Editorial Galaxia pretendía dar continuidade ao seu proxecto a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde viron a luz algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.
A Editorial Galaxia contou nesta edición coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, a Fundación Barrié e ¿Qué hacer en Vigo?. O acto tamén contou coa presenza de representantes políticos de todas as forzas políticas e numerosos escritores, xente da cultura e moita xente nova que quixeron apoiar coa súa presenza este certame.
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.