Ángeles (Ames, 1966) e Isabel (Ames, 1970) son mestras de educación infantil, a primeira na EEI Milladoiro e a segunda no CEIP A Maía, ambos os dous no Concello de Ames (A Coruña). O Milladoiro é unha escola infantil de 12 unidades onde o alumnado procede de familias traballadoras, moitas de orixe estranxeira. A Maía é unha macroescola de 3 liñas con 9 unidades de infantil, situada nunha contorna residencial de nivel sociocultural medio-alto. En 2010 estas irmáns abriron o blog InovArte Educación Infantil (http://innovarteinfantil.worpress.com), que actualmente ten máis de 1.100 entradas, cheas de experiencias e reflexións educativas. Con esta iniciativa na rede gañaron o Premio Francisco Giner de los Ríos e con este libro o Premio Marta Mata de Pedagoxía, sendo as primeiras en ter as dúas distincións máis importantes no ámbito educativo en España. A súa experiencia non é só docente, engloba tamén a dirección de centros, a formación do profesorado e a administración educativa onde tiveron responsabilidades na innovación e ordenación educativa.