A revista Tempos Novos publica no seu número de setembro un interesante artigo de Antía Monteagudo no que pon a dialogar, a raíz da subversión que fan da tradición, os dous grandes acontecementos literarios deste ano no campo da narrativa curta: Sapos e sereas de Ana Cabaleiro e Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira.
Deste xeito, Monteagudo dinos: “Sapos e sereas e Bibliópatas e fobólogos son dúas apostas innovadoras, que se inscriben nunha forma de escribir relatos iniciada por Suso de Toro e que comparten unha mesma forma de revisar a tradición literaria europea. Os seus relatos son moi actuais, relacionados co que está a ocorrer no contexto internacional onde a reescrita e a intertextualidade son procesos usados con frecuencia. O libro de Pedreira, conducido polo obxectivo de repensar a literatura, que se presenta case como un remedio para sobrevivir no mundo, e o de Cabaleiro co de establecer un diálogo coa literatura descóbrenos novas voces e novas formas de narrar as velas historias”.
Podes ler o artigo ao completo aquí.