A obra Os Corpos de Romanov de Alberto Ramos resultou gañadora da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá a portavoz do xurado, Diana Varela, na sede da Real Academia Galega na Coruña
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das cinco entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o académico correspondente da Real Academia Galega, Ramón Nicolas, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Marcos Calveiro, director de Edicións da Galaxia, Xosé Monteagudo, escritor e gañador da XV edición do premio Narrativa Breve Repsol, Ramón Nicolás, o académico correspondente da Real Academia Galega, Diana Varela, a escritora nomeada pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG) e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC e crítica literaria.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Os corpos de Romanov. Matthias Lentz
Na súa XVI edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 28 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Diana Varela, voceira do xurado desta edición, trasladou no acto que Os corpos de Romanov. Matthias Lentz é unha novela escrita con un estilo de gran precisión, onde salienta a presenza dun narrador solidario que apela á conciencia de quen le, e na cal “destaca igualmente a acaída engrenaxe das diversas tramas, que encaixan como as pezas dun reloxo”. Unha historia na que o azar das relacións humanas xunta unha serie de personaxes, solidamente construídos, nos que se reflicten as inquedanzas e os traumas individuais e colectivos do pasado.
O gañador
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) é un xornalista e escritor. No ámbito do xornalismo exerceu na sección de Cultura do Xornal de Galicia e traballa como sinatura independente en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes.
No ámbito da literatura, ten publicado as novelas Dor Pantasma (Biblos, 2006), obra premiada coo Biblos Pazos de Galicia; Con acuse de recibo (Biblos, 2010), título galardoado co premio de novela por entregas de La Voz de Galicia; Todos os días (Sotelo Blanco, 2013) obra coa que se fixo merecedor do Premio Vicente Risco de creación Literarias; Máscaras Rotas para Sebastián Nell (Galaxia, 2014), volume distinguido co Premio García Barros, e A simetría deas bestas (Urco. 2018), libro co que recuncou no certame Vicente Risco de Creación Literaria.
O Premio Narrativa Breve Repsol: XVI edicións impulsando a creación en galego
O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.
O certame contou desde o seu nacemento coa participación de preto de 500 obras orixinais de escritores galegos.