Reunido o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés; compoñen o xurado Iago Fernández, Miriam Ferradáns, Karla González Miravete, Iria Morgade e Pablo J. Rañales. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva; que, por unanimidade, decide outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa oitava edición ao texto Baixo o ceo de xeo.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resulta ser Adrián Pérez Bote.
O xurado destacou que Baixo o ceo de xeo é unha novela amplamente orixinal, que se fai cargo dunha longa tradición de literatura subxenérica, incorporando múltiples referencias lectoras, e posúe unha trama moi ben urdida. Ao mesmo tempo, participa dunha nova corrente xeracional de narradores e narradoras que traballan os imaxinarios da fantasía épica e da ciencia ficción dende un punto de vista critico e innovador. No caso concreto de Baixo o ceo de xeo, esta tendencia remata por se converter nunha metareflexión sobre a construcción de mundos ficcionais.
O autor emprega un estilo expresivo e preciso que se resolve en gran cantidade de descricións orixinais sen lle restar axilidade nin fluidez ao ritmo da novela. En canto á narración, aborda de xeito natural e intelixente temas vencellados a cuestións políticas e sociais e, sobre todo, ao colonialismo. A antropoloxía tamén está moi presente na obra mediante a exposición de reflexións que enriquecen fondamente a lectura. Os contidos explicativos progresan a carón dos personaxes principais, Roi e Raissa, e, ao tempo que eles, adquiren fondura e complexidade suficientes como para apalabrar o grande talento narrativo de Adrián Pérez Bote.
A Editorial Galaxia coa colaboración do Ámbito Cultural El Corte Inglés convoca cada ano o Premio Literario Illa Nova de Narrativa para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano acadou a súa oitava edición.