Xohana Torres enche de literatura os autobuses urbanos de Vigo

Categoría: Nova
No mediodía de hoxe, un autobús de Vitrasa saía da Porta do Sol ata o edificio do Concello de Vigo, nel, repartindo exemplares de Adiós María, o clásico de Xohana Torres, estaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Con este acto simbólico deu comezo a campaña de promoción da lectura promovida polo Concello de Vigo, Vitrasa e Galaxia para levar a lectura en galego aos usuarios do transporte público. Unha campaña durante a cal se agasallarán 2000 exemplares da novela de Xohana Torres ás pasaxeiras e pasaxeiros.
Cando se cumpren 50 anos do nacemento de Vitrasa, esta iniciativa quere honrar por unha banda a figura de Xohana Torres (Ferrol, 1929 – Vigo, 2017), escritora fundamental do século XX para a literatura galega, e tamén recuperar a memoria do Vigo industrial, a cidade dos tranvías, que se conta na súa exitosa novela Adiós María (1971), agora reeditada pola Editorial Galaxia. Ademais, Vitrasa colocará nalgúns dos seus autobuses paneis deseñados para a ocasión pola Editorial celebrando a obra de Xohana Torres baixo o lema “O destino é un mapa coa ruta que soñamos”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email