Hoxe, 3 de novembro, Xosé Neira Vilas cumpriría 98 anos. E desde Galaxia non queriamos deixar pasar esta data sen lembralo dun xeito especial, con dúas fotografías que nos achegan a distintos momentos da súa vida, sempre acompañado de Anisia Miranda.
Nado en Gres (Vila de Cruces) en 1928, Neira Vilas foi unha das grandes voces da literatura galega. A súa experiencia como emigrante na Arxentina e en Cuba marcou profundamente unha obra que soubo contar, coma poucas, a memoria, os sentimentos e a realidade de tantas xeracións de galegos e galegas.
Autor de Memorias dun neno labrego, regalounos a Balbino, un personaxe que segue vivo na memoria colectiva e que continúa acompañando novas xeracións de lectores e lectoras.
Este aniversario chega, ademais, nun momento especialmente ilusionante. En 2027, as Letras Galegas estarán dedicadas a Xosé Neira Vilas, unha oportunidade para volver á súa obra, redescubrir o seu legado e achegalo a novos públicos.
Na editorial xa estamos preparando moitas novidades para celebrar esta homenaxe como merece. Hoxe, polo de agora, quedamos con estas dúas imaxes, coa lembranza de Xosé e Anisia e con todas esas historias que nunca deixan de acompañarnos.