Galaxia recupera a “Guía de Galicia” de Ramón Otero Pedrayo nunha edición especial polo seu centenario

Categoría: Nova

A obra, que chegará ás librarías o 13 de novembro, conta cunha nova edición de Manuel Gago Mariño e será presentada aos medios o luns 9 de novembro, en Santiago de Compostela, nun acto organizado en colaboración coa Cátedra Institucional Otero Pedrayo.

Cen anos despois da súa primeira publicación, Galaxia recupera unha das obras fundamentais para coñecer e comprender Galicia. A Guía de Galicia, de Ramón Otero Pedrayo, regresa ás librarías o vindeiro 13 de novembro cunha edición especial do centenario (1926-2026), a cargo do escritor, xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño.

Esta publicación enmárcase no Ano Oteriano, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario da Guía de Galicia e do cincuenta aniversario do falecemento do autor ourensán.

Publicada por primeira vez en 1926, a Guía de Galicia foi moito máis ca unha guía de viaxes. Se foi o xeógrafo Domingo Fontán quen lle puxo rostro ao país coa Carta xeométrica de Galicia, foi Otero Pedrayo, coa súa Guía, quen o dotou de palabras e historias que encheron as trazas das vilas, dos ríos, dos camiños e das paisaxes alí debuxadas.

Nela, Otero Pedrayo reuniu xeoloxía, xeografía, historia, patrimonio, economía, paisaxe, artes e cultura para ofrecer unha visión integral do país. A obra permitiulle sistematizar por primeira vez a súa interpretación de Galicia e converteuse nun referente para sucesivas xeracións de lectores, así como nun instrumento esencial para descubrir e comprender o territorio e a súa identidade.

«Estamos ante un manual para imaxinar un país: unha Galicia luminosa. Un país que ten sentido cando prende do seu patrimonio, a súa cultura e a súa paisaxe», en palabras de Manuel Gago Mariño, responsable desta edición do centenario.

A nova edición propón unha lectura que establece un diálogo entre a Galicia que describiu Otero Pedrayo e a que coñecemos na actualidade. A través de novas achegas, referencias e anotacións, permite descubrir como evolucionaron o territorio, as cidades, o patrimonio e a sociedade galega ao longo destes cen anos.

O volume, de 635 páxinas, recupera o texto revisado e acompañado dun amplo traballo de contextualización histórica e cultural. Incorpora tamén un importante patrimonio fotográfico, con 40 imaxes de José Suárez e unha selección de fotografías de Ksado e Jaime Solá, que contribúen a reconstruír a memoria visual de Galicia.

Escritor, xeógrafo, profesor e intelectual, Otero Pedrayo desenvolveu unha extensa traxectoria dedicada ao coñecemento e á cultura de Galicia. A súa obra abrangue todos os xéneros literarios, desde a narrativa e a poesía ata o teatro, o xornalismo e o ensaio. Entre os seus títulos máis destacados figuran Os camiños da vida, Arredor de si, Fra Vernero, O señorito da Reboraina e Bocarribeira, ademais da propia Guía de Galicia, unha das súas grandes achegas ao estudo e á interpretación do país.

Cen anos despois, esta edición convida a regresar ás páxinas de Otero Pedrayo para descubrir non só como era Galicia, senón tamén como cambiou a nosa maneira de coñecela, interpretala e valorala.

O luns 9 de novembro, ás 10:30 horas, celebrarase no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela unha rolda de prensa arredor da nova edición da Guía de Galicia.

Na rolda de prensa participarán Manuel Gago Mariño, responsable da edición crítica; Francisco Durán Silva, director da Cátedra Institucional Otero Pedrayo; Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio; Eduardo López Pereira, director da Fundación Otero Pedrayo; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email