Xerardo Quintiá gaña o XX Premio Narrativa Breve Repsol

Categoría: Nova

A obra baixo o título e lema A Miseria de Xerardo Quintiá resultou gañadora da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega e recibirá unha dotación de 15.000 euros alén da publicación do libro pola Editorial Galaxia. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Armando Requeixo.

Na novela gañadora destaca o talento do autor para espellar a transformación na identidade do protagonista

O acto do ditame deste 20º aniversario  foi na Fundación Seoane e contou coa presenza de representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o concelleiro de Cultura e Turismo coruñés Gonzalo Castro; o director xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; Cesáreo Sánchez, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); Dolores S. Palomino, académica da Real Academia Galega e Armando Requeixo  como voceiro do Xurado.

A Miseria

Este ano a convocatoria do XX aniversario superou o número de obras presentadas con máis de 60 obras orixinais e inéditas.

O Xurado da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco recoñecidas voces das letras galegas: o director Xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; a escritora e gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Carmen V. Valiña; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo, e a poeta e escritora nomeada pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), Alicia Fernández.

Armando Requeixo, voceiro do Xurado desta edición, destacou da novela de  Xerardo Quintiá a capacidade para artellar un relato de fonda sensibilidade social, que plasma a traxedia dun desafiuzamento e as dramáticas consecuencias que provoca na familia que o padece.

Tamén si, salientou especialmente o talento do autor para espellar a transformación na identidade do protagonista, que ve como unha vida acomodada acaba virando nunha traxedia que remata por anulalo”.

Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de moi fino burilado, chea de imaxes poéticas, esta historia conmoverá ao lectorado, convidándoo a repensar o inclemente e feroz mundo no que vive unha parte da sociedade actual.”

 O Gañador

 Xerardo Quintiá Pérez, nado en Friol o 28 de marzo de 1970.

Obras

Narrativa

  • Finísimo po nas ás (1997). Galaxia.
  • Unha soa man e outros intres (1999), Galaxia. Relatos.
  • Un rabaño de ovellas brancas (2001). Galaxia.
  • O libro dos aparecidos (2002), Francka Editora.
  • Hotel Cidade Sur (2012). Galaxia. Traducido ao castelán como Hotel Ciudad Sur, Pulp Books 2015.
  • O viaxeiro radical (2015). Galaxia.. Traducido ao catalán como El Viatger radical, Editorial Gregal, 2018.

Poesía

  • Ailalalalelo de auga (2001). Vigo: Do4 Edicións.
  • Poesía en ruta (2007). Espiral Maior.
  • Fornelos & Fornelos, primeira fundación (2011). Espiral Maior.
  • Fornelos & Fornelos, segunda fundación (2016). Sotelo Blanco.
  • Fornelos & Fornelos, terceira fundación (2019). Xerais.
  • Obra inacabada de Dosinda Christensen (2021). Alvarellos.
  • Un ferrado de terra (2024). Bourel.[3] Con intervencións plásticas orixinais de Baldo Ramos.

Literatura infanto-xuvenil

  • A verdadeira historia do burro Feldespato (2003). Galaxia.
  • Ke-Tumba Ke-Tamba (2006). Galaxia. ISBN 978-84-8288-980-1.
  • Titiritesa (2007). OQO editora. Traducido ao castelán, francés, portugués, inglés] e éuscaro.
  • O país do gran furado[9] (2019). Baía Edicións.
  • O corazón dos paxaros (2023). Vigo: Xerais, Merlín. Ilustracións de Nuria Díaz
  • Historias do Quintopino (2026). Vigo: Xerais.

Correspondencia

Obras colectivas

  • Carlos Casares: a semente aquecida da palabra (2003). Consello da Cultura Galega.
  • Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003). Espiral Maior.
  • Regreso á Ulloa. Itinerairos polas Terras de Palas de Rei (2004). Concello de Palas de Rei. Con X.R. López Bruzos.
  • Poetizate (2060). Xerais.
  • Poetas en Lugo (2007). Concello de Lugo.
  • Tres blues e un rap (2008). GALIX/Xunta de Galicia.
  • Erato bajo la piel del deseo (2010). Sial Ediciones.
  • librosconversos (2016). LibrosGalegos.gal.
  • Manuel María (2017). Libro colectivo de homenaxe. Deputación de Lugo,.
  • Colectivo Maiakovski (2021). Intimidación. Xerais. Poesía.

Premios

O Premio Narrativa Breve Repsol: vinte anos creando literatura galega

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista, Miguel Sande, conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros.

A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Ánxeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.

Na edición 2010 o premio foi para o escritor, Xurxo Sierra, pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011.

En 2012, o galardón foi para A forma das nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra A diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con Nordeste.

O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino, Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.

Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción.

No 2021, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elixida polo para obter o premio, e no 2022 foi o gañador de esta edición, Alberto Ramos, pola súa novela Os corpos dúas Romanov. No 2023, o gañador do galardón foi Fran Fernández Davila pola súa obra Groenlandia e no 2024, Ramos converteuse por segunda vez en gañador coa súa novela Pirotecnia. O pasado ano, Carmen V. Valiña foi a gañadora co Illa de Sangue.

O certame contou desde o seu nacemento en 2006 coa participación de cerca do 1.000 obras orixinais de escritores galegos.

©A imaxe do autor é da autoría de Praza Pública.

Comparte nas túas redes sociais ou por email