Proxección de “Pelerinaxes” no III Ciclo de Cine Galego en Bos Aires (Arxentina)

Categoría: Destacado, Nova

O venres 6 de Setembro, ás 19:30 h, terá lugar a proxección de Pelerinaxes do director italo-galego Simone Saibene e producido por Noveolas no III Ciclo de Cine Galego en Bos Aires. Un filme no que Luzía (Carmen Méndez), a súa protagonista, percorre as etapas da pelerinaxe que fixeron a pé Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey dende Ourense ata Santo André de Teixido no ano 1927.

Unha obra que forma parte da sección Libro-Cinema editada pola Editorial Galaxia en 2017.  Esta edición, ademáis da película, contén textos críticos de Víctor Freixanes, Simone Saibene, Ángel Suanzes, Valentín Carrera, Pablo Gallego Picard, Marta Gómez, Patricia Arias Chachero, Alberto Allegue, e Isabel Risco, e fotos do making of da longametraxe.

Pelerinaxes

O filme abrirá o ciclo que este ano está dedicado ao cinema de autor.  O ciclo é organizado pola Cátedra Galicia-América da Universidad Nacional de San Martín e coordinado por Jorge Gil Morabes. A proxección será presentada por Gil Morabes e Jorge Gómez.

Pelerinaxe é un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que vai transitando diversos pobos das provincias de Lugo e A Coruña, recollidas por Otero Pedrayo no seu libro Pelerinaxes I. Protagonizada pola actriz Carmen Méndez, o reparto da longametraxe está conformado tamén por Alfonso Míguez, Xoel Yáñez e Isabel Risco. A última, neta de Vicente Risco, foi quen de ler en Ortigueira o discurso que lle fora negado ao seu avó en 1927, por ser considerado un “home perigoso”, durante a ditadura de Primo de Rivera.

O filme foi galardoado con premios coma o de Mellor Documental no 21º Avanca International Film Festival e no II Festival Internacional de Cinema Paisagens (Portugal).

Ademais de Pelerinaxes, tamén seremos representados na quinta provincia galega por outros coñecidos e premiados títulos do documental galego máis recente:

Encallados de Alfonso Zarauza, Tralas luces de Sanda Sánchez, Memorias rotas de Manane Rodríguez e Matria de Álvaro Gago.

Tráiler de Pelerinaxes: www.youtube.com/watch?v=biE4hADdXZs

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email