Soubemos onte que nos deixaba Xohana Torres, escritora irrepetible, pioneira singularísima.

Muller única entre homes de grandes nomes como Méndez Ferrín, Franco Grande, Rodríguez Mourullo, Ramón Lorenzo, Xosé Manuel Beiras, Bernardino Graña… Pertenceu á xeración de escritores que comezou a poñer en marcha a modernidade das nosas letras a través da histórica colección Illa Nova desta editorial, onde vería a luz Do sulco (1957), o seu primeiro poemario.

No inverno de 1957 co gallo dun ciclo de conferencias no Círculo Mercantil de Santiago, “Homenaje a la poesía gallega”, reúnense sobre a palestra López Nogueira, Méndez Ferrín, Novoneyra, Ramón Lorenzo, Alonso Montero, Beiras, Concheiro, Blanco Losada e Franco Grande. Xohana Torres, de novo a única muller, foi a escollida para  clausurar estas xornadas poñendo o ramo cun poema destinado á nova mocidade galega da posguerra, manifestando que cría nela e no futuro de Galicia. Franco Grande recolle ese momento nas súas memorias, Os anos escuros, e lembra: “Por primeira vez tivemos a seguridade de que colectivamente afirmabamos a nosa presenza como xeración galega […]. Xohana Torres quedou desta maneira incorporada á nosa xeración”.

Xa inserida de cheo na cultura galeguista do momento continúa a publicar en Galaxia obras de ton anovador como as pezas teatrais A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (1968). Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), que se imporía a Xente ao lonxe de Eduardo Blanco Amor no Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e que, malia a ser a súa única incursión na narrativa para adultos, está considerada un dos clásicos do noso tempo.

Como poeta, virían despois Estación ao mar (1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992), Poesías reunidas (1957-2001), e Elexía a Lola (2016). Todas elas obras que a converterían nun dos grandes nomes da última metade do século XX, rachando moldes e converténdose nun facho inmorrente xeración tras xeración.

Xa no eido da literatura infantil, publicou Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984), e foi unha das pioneiras na tradución de obras deste xénero ao galego, publicadas todas elas na Editorial Galaxia. Tamén a radio foi outra das linguaxes que cultivou cando, en 1963, dirixiu en La Voz de Vigo o primeiro programa cultural radiofónico completamente en galego, Raíz e tempo.

En outubro de 2001, ingresou na Real Academia Galega a proposta Salvador García-Bodaño Zunzunegui, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande, cun discurso, Eu tamén navegar que rompeu as paredes da rúa Tabernas e se converteu nun texto de referencia para o feminismo, e nun lema de liberdade, luz e valor. E por iso hoxe, nós tamén navegar. Nós tamén navegar no ronsel de Xohana Torres, dona de todos os mapas, muller que sostén a metade do ceo das nosas letras.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR