Xaquín Marín gaña o Premio Rosalía de Castro

Categoría: Nova

A Deputación da Coruña acaba de outorgarlle a Marín o Premio Rosalía de Castro, no apartado de persoas que destacan na promoción da lingua galega.
O xurado destaca o compromiso do viñetista co idioma, continuado no tempo, considerando ao debuxante merecedor do Rosalía “polo alcance social do seu traballo e por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista”. Valórase o seu labor artístico e intelectual “pola defensa da lingua que comporta implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual”.
 
Considerado como o humorista galego máis relevante desde Castelao, Xaquín Marín é un dos autores máis clásicos das viñetas galegas. Cun estilo inconfundible, a través da súa obra defendeu a liberdade e a lingua galega nos anos finais da ditadura, contribuíndo activamente en iniciativas artísticas como a resposta crítica á crise do Prestige, promovendo a exposición “Humor Cru” e participando no álbum de cómic H2Oil (2003).
A súa obra é poliédrica, destacando como autor e ilustrador das súas propias personaxes, desde o inicio da súa carreira ten compaxinado ilustración, BD e un inxente labor como cartelista e humorista gráfico, sendo o artífice de ilustrar a edición conmemorativa dos 50 anos de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.
Na Editorial Galaxia publicamos o seu mítico Tonecho, nun libro que leva por título o mesmo nome. Publicado na colección Obra Gráfica do noso catálogo, Tonecho é unha obra para ler e rir con vagar, a través dunha profunda sabedoría e moita crítica.
Home adiantado á súa época, Félix Caballero Wangüemert estudou a súa figura no libro X. Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego. O autor analiza a súa impresionante obra gráfica nun traballo inmenso, para un artista inmenso. Unha lectura imprescindible.

Comparte nas túas redes sociais ou por email