No pasamento de Xulio Amigo

Categoría: Nova

Este é un sábado moi difícil e duro para os que formamos parte da familia da Editorial Galaxia, pois amencimos coa triste nova do pasamento inesperado do noso compañeiro e director comercial, Xulio Amigo. Traballador incansable, Ilusionado e apaixonado polo traballo, deixa un oco no noso corazón imposible de encher.
Dende a Editorial Galaxia, as súas compañeiras e compañeiros, así como os membros do Consello de Administración, queremos transmitirlle á súa familia, en especial ás súas dúas fillas, motor completo da súa vida, o noso abrazo máis cálido.
Na nosa memoria quedarán as interminables xornadas de traballo con Xulio, sempre cun sorriso, así como a súa fecunda imaxinación creativa que nos sorprendía todos os días.
Xulio repetía sempre que Galaxia era unha prolongación do seu corpo. Así que hoxe sentímonos mutilados, sabedores de que a vida, tan inxusta tantas veces, nos arrincou para sempre un anaco de nós.
Descansa en paz, compañeiro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email