A noite do lobo de Abel Tomé gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2019

Categoría: Nova

Esta tarde na Fundación Barrié de Vigo (Policarpo Sanz, 31) entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia.
O gañador desta terceira edición foi Abel Tomé coa novela A noite do lobo. A obra desenvólvese nunha época remota no acervo galaico portugués pero conta con referencias actuais e reminiscencias a David Lynch, a Mary Shelley e incluso a Cortázar. O relato, protagonizado por un atípico cazador de lobos, é unha defensa do patrimonio natural onde tamén destaca a forza do pobo contra o poder e a perspectiva anticolonial. O xurado, composto pola lectora Paz Raña Lama, a escritora Iolanda Zúñiga e a xornalista Ana González Liste, valorou que nesta novela “o autor emprega unha prosa dinámica, contida, en que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”. Ademais, subliñan que “o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antropónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción”.
Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Abel Tomé dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista Marta Lorenzo. A escultura, igual que os anos anteriores, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as cubertas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa Su Garrido Pombo, cantante e compositora galega radicada en Vigo, que interpretou temas baseados en poemas de Ana Romaní ou Iolanda Zúñiga.
Abel Tomé (Outes, 1984) é graduado en Xornalismo e actualmente compaxina a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos. Como estudante, gañou xunto a outros compañeiros o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013. Tamén foi merecedor do primeiro premio Revista A Pipa 2015 na modalidade de poesía. Previamente, publicara xa en Galaxia A noite do corvo (2018), novela coa que fora finalista do Premio Illa Nova en 2017 e que vai xa pola súa segunda edición. Agora, a súa nova novela, A noite do lobo, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librerías nas próximas semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria.
Hai dous anos Editorial Galaxia creou o Premio Illa Nova para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación entre os máis novos cando se cumprían 60 anos dende que botase a andar a xa mítica colección Illa Nova. Era 1957 e a Editorial Galaxia pretendía dar continuidade ao seu proxecto a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde viron a luz algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.
A Editorial Galaxia contou nesta edición coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés e a Fundación Barrié. A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director Xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), así como Antía Yáñez e o propio gañador.

Comparte nas túas redes sociais ou por email