BASES

1º Poderán concorrer ó premio tódalas autoras e autores de calquera nacionalidade que presentaren os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas. As persoas participantes deberanse atopar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non estar incursas en ningunha das exclusións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

2º As obras poderán presentarse en papel ou en formato dixital (en formato .doc, .odt ou .pdf), preferentemente en soporte CD, no rexistro xeral do Concello da Pobra do Caramiñal ou na sede electrónica (https://apobra.sedelectronica.es). Tamén por correo ordinario, mensaxería ou en calquera dos rexistros públicos segundo o establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, dirixido ó seguinte enderezo:

Concello da Pobra do Caramiñal

II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Rúa Gasset, 28

15940 – A Pobra do Caramiñal (A Coruña)

A presentación realizarase en 2 sobres pechados ou 2 arquivos dixitais co seguinte contido:

  • SOBRE 1:

No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
“Sobre nº 1. II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e o título da obra.
No interior do sobre incluirase a obra que no caso de se enviar en soporte papel se presentará por triplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A4, e impresos polas dúas caras. Ademais deberán estar numerados, grampados ou encadernados. De se presentar en formato dixital, farase así mesmo por triplicado (3 CD). En calquera soporte que se presente, na portada indicarase: II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, o título da obra e lema ou pseudónimo.

  • SOBRE 2:

No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
“Sobre nº 2. II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal”, e o título da obra.
No interior do sobre incluirase a seguinte documentación:

1º Solicitude de participación no “II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal”, e autorización para que o Concello poida recadar da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Seguridade Social os datos que acrediten que o/a participante está ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, segundo o modelo oficial que podes atopar na web do Concello da Pobra do Caramiñal, de Barbantia ou da Editorial Galaxia.

2º Documento acreditativo da identidade (copia do DNI, pasaporte ou NIE) da persoa autora.

3º O prazo de recepción de orixinais remata no día 1 de xuño de 2019.

4º A obra que optar ó premio deberá responder á extensión habitual dos libros pensados para a literatura infantil.

5º O premio, que poderá quedar deserto se o xurado estimar que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 1.500 euros. Para tal efecto, existe consignación orzamentaria suficiente na aplicación 334.48300 do orzamento municipal para o ano 2019. O premio estará suxeito ás retencións fiscais que corresponderen. As obras premiadas serán publicadas na colección Árbore da Editorial Galaxia. As autoras e autores das obras premiadas comprométense a participar nos actos de promoción que a editorial organizar, e a realiza-la presentación no concello da Pobra do Caramiñal.

6º O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Ademais constará dun secretario/a, con voz, pero sen voto. As decisión do xurado serán inapelábeis.

7º O ditame do xurado darase a coñecer no día 3 de xullo, e a entrega do premio e presentación do libro será o 8 de novembro de 2019.

8º As obras non premiadas non serán devoltas. A partir do día seguinte á deliberación do xurado serán destruídas.

9º A presentación a este concurso literario non xera dereito ningún aos seus participantes ata que for resolto polo xurado e ata que non for outorgado o premio por unha resolución da Alcaldía do Concello da Pobra do Caramiñal. A presentación dos orixinais a este concurso literario supón a aceptación das presentes bases, e o compromiso do/a autor/a de non retira-la obra antes do ditame do xurado, acepta-lo premio se lle for concedido, ou reintegralo de non se cumpriren os requisitos que se establecen na convocatoria. O incumprimento dun ou varios apartados destas bases implicaría a automática exclusión da obra presentada.

 

Podes descargar aquí o díptico coas bases.

E a solicitude de participación aquí.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR