Feminismos é o título escollido para a nova colección da Editorial Galaxia que comezará a chegar ás mesas de novidades das librarías galegas a finais deste mes. Unha aposta desta casa por axudar a visibilizar a causa das mulleres en Galicia. Tres son os títulos escollidos para este primeiro desembarco: ám@me de Chis Oliveira e Amada Traba, Chámame señora pero trátame coma a un señor de Inma López Silva e Feminicidio de Carme Adán. Tres libros que queren dar conta das múltiples perspectivas que reflicte o plural no título da colección.
En ám@me. Pensar o amor no século XXI, Chis Oliveira (Pontevedra, 1957) e Amada Traba (Fisterra, 1958) abordan a necesidade de reflexionar arredor das relacións amorosas e a aprendizaxe do amor. Porque a amar apréndese. Mais cómpre tamén desaprender os modelos nocivos baseados nos mitos románticos, unha sexualidade condicionada pola pornografía e, en definitiva, polos modelos esmagadores do patriarcado, elementos todos aos que está exposta a nosa mocidade sen que poidan facer moito por evitalo. 

Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) axusta contas co machismo no sector cultural e literario galego partindo da propia experiencia. Deste xeito, Chámame señora, pero trátame coma a un señor convértese nun relato biográfico que resultará incómodo para moitos, e onde se abordan a perda da inocencia e a ruptura con certos silencios, ao tempo que se leva a cabo un balance sobre a carreira dunha escritora con máis de vinte anos publicando ás costas.

Pecha a terna Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión. Asinado por Carme Adán (Donostia, 1966), este é un ensaio necesario, necesario porque coloca sobre a mesa as palabras exactas para describir a situación de violencia que o patriarcado exerce sobre as mulleres, sobre os seus corpos. Falar de feminicidio é agora máis importante ca nunca, tomar conciencia do que iso significa.
A colección presentarase de maneira conxunta o día 2 de decembro no Espazo Libro do Culturgal coa presenza das autoras e mais do director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Ademais, o sábado 24 de novembro, véspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, presentarase na Casa do Libro de Vigo ás 18:00h Feminicidio, coa presenza de Carme Adán, a actriz e dramaturga Marta Pérez e, de novo, Francisco Castro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR