Este luns coñeceremos a obra gañadora do I Premio de Novela Camiño de Santiago

Categoría: Nova

Este luns, 17 de xaneiro,ás 17:00h, terá lugar na Sala Eisenmann da Cidade da Cultura de Galicia a entrega do I Premio de Novela Camiño de Santiago. O acto estará presidido polo Conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez González e contará con representantes das outras tres entidades colaboradoras: Naturgy, a Academia Xacobea e a Editorial Galaxia.
No transcurso desta entrega de premios, coñeceremos o título da obra gañadora desta primeira convocatoria do Premio de Novela Camiño de Santiago, un galardón que nace co obxectivo de impulsar dende a creación literaria a vertente física, histórica, cultural, social ou mesmo imaxinaria da ruta xacobea.
Hai un par de semanas, reuníase en Compostela para decidir cales serían os títulos finalistas un xurado composto polo presidente da Academia Xacobea Xesús Palmou; o escritor Ulises Bértolo: a responsable de Relacións Institucionais e Comunicación de Naturgy en Galicia, Amalia Baltar; o catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Pegerto Saavedra; a escritora Rosalía Morlán; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Entre as obras seleccionadas están as presentadas baixo os lemas El juego de la Coca, Camiño de paixón, Ego sum e Ecúmene. Calquera delas pode acardar o premio de 6000 euros en que consiste o galardón e ver o seu libro publicado pola Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email