Entrega do Premio de Novela Manuel García Barros 2019

Categoría: Nova

O día 15 de novembro, ás 20:00 h, celebrarase a entrega do Premio de Novela Manuel García Barros 2019 no Teatro Principal da Estrada. No acto intervirán a gañadora Berta Dávila, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o alcalde da Estrada, José López e o Concelleiro de Cultura, Manuel Constenla Carbón.
A gala contará coa actuación musical da man dos músicos Suso Vaamonde e Xosé Luis Romero.
Carrusel de Berta Dávila
Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido para o castelán e o xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013. Tamén foi nomeada pola AGE autora do ano en 2014.

Comparte nas túas redes sociais ou por email