EN NOVEMBRO, A NOVA NOVELA DE BARICCO

Categoría: Nova

Despois de publicar Emaús na súa tradución para o galego, Editorial Galaxia continúa coa publicación das obras do escritor italiano e anuncia a saída en novembro de Mr Gwyn. Baricco dá un paso máis na gran historia que comezou a contar desde a súa primeira novela. Nesta nova obra , os lectores e lectoras galegos han atopar o novelista fascinante e engaiolador que sempre sorprende.

Detrás de Baricco están os personaxes que crea, agora o nada convencional Mr Gwyn: un escritor que quere deixar de escribir. Ademais deste personaxe, na novela hai un mangado de historias inesquecibles e unha reflexión fonda sobre a vida e sobre como vivila.

Se nos recoñecemos nas historias dos outros é porque tamén a nosa historia está feita das páxinas dun libro que ninguén xamais escribiu e nos buscamos en van nos andeis da nosa biblioteca. Baricco intúe moitas desas historias aínda non escritas e sérvese do personaxe de Mr Gwyn para que lectores e lectoras poidan chegar a sospeitar como podería ser a súa.

Mr Gwyn, a novela, é un deses camiños a través dos cales nos podemos perder mentres procuramos a nosa historia, mentres nos deixamos fascinar pola literatura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email