Chega ás librarías O colapso territorial en Galiza

Categoría: Nova

Estes días comeza a cehgar ás librarías O colapso territorial en Galiza, o libro co que Xosé Constenla gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa e o Centro Ramón Piñeiro.
O xurado salientou a capacidade do ensaio premiado para “pensar moitos dos problemas da Galicia actual, achegando unha explicación desde a ordenación do territorio que desexa transcender anteriores lecturas exclusivamente económicas e sociolóxicas. O ensaio amosa unha fonda elaboración teórica que logra demostrar a necesidade dunha lectura xeográfica da realidade […]”.
O obxectivo do libro é poñer o espazo en primeiro lugar na lóxica interpretativa da sociedade, ampliar esa ollada tan estendida que entende o territorio como simple escenario para analizar tres aspectos fundamentais: as agresións ao medio natural e patrimonial, a cuestión demográfica a carón do desequilibrio da distribución da poboación e, ao cabo, a cidade xunto cos procesos de urbanización.
O colapso tamén se pode entender como unha oportunidade para alentar alternativas que sitúen a cuestión espacial no centro da actividade política. Preténdese contribuír así ao xurdir de concepcións novas no xeito de pensar e actuar europeos co fin de iniciar unha relación distinta entre a natureza e a humanidade.
Xosé Constenla Vega (Santiago de Compostela, 1980) é xeógrafo. Licenciouse e doutorouse en Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de Didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Vigo e de Xeografía Humana na Universidade de León. Con anterioridade, foi docente na Universidade da Coruña e na Carlos III de Madrid. No ámbito privado, traballou profesionalmente no campo do Urbanismo e da Ordenación do Territorio. Publicou numerosos artigos en revistas científicas no eido da Xeografía e das Ciencias Sociais. En 2010, publicou o libro (Re)Imaxinando o Universo Urbano. De Baltimore a Santiago de Compostela. Na súa faceta como cantautor, ten catro discos publicados: Quen fixo berrar ao silencio (2005), Olladas dun entusiasta (2008), Sinecismo. Xosé Constenla ao vivo (2013) e Virada por avante (2016).

Comparte nas túas redes sociais ou por email