A novela Extraordinario de Antón Lopo resultou hoxe gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o portavoz do xurado, Xoan Babarro, escritor e académico correspondente da Real Academia  Galega.

O acto do fallo tivo lugar na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario  xeral de Política Lingüística, Valentín García, a director da área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados do director da refinería, Javier  Sancho, e o portavoz do xurado, Xoan Babarro.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros, e a obra será publicada na colección Literaria de Galaxia o vindeiro novembro.

O portavoz do Xurado, composto ademais polo director de edicións de Galaxia Carlos Lema, a escritora Eli Ríos, a profesora Dolores Vilavedra e o gañadora da anterior edición Xosé A. Neira Cruz, destacou da obra gañadora “a particular riqueza léxica, así como os valores  estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal”. Babarro engadiu que “o uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo conseguido facilitan a lectura e acaban atrapando o lector”.

O protagonista de Extraordinario, desde hai anos separado do círculo familiar, regresa para coidar da nai, hospitalizada. A través da súa mirada iremos interpretando a personalidade de cada un dos membros da familia, desde a situación presente ata épocas pasadas. O autor non só nos mostra o ambiente hospitalario, senón tamén as difíciles relacións do personaxe central coa nai durante a infancia e a adolescencia, o trato coa irmá e o antagonismo co irmán máis vello.

O xurado do XII Premio Narrativa Breve Repsol define a Extraordinario como unha novela sólida, atractiva e ben narrada, cunha riqueza temática que se complementa con recursos de tipo irónico e humorístico.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR